Ler conta moito
Ler conta moito

Programa de axudas á dinamización á lectura que consta de dúas convocatorias, a da construción do catálogo para os profesionais da animación e a convocatoria ás bibliotecas para a solicitude de actividades.

CATÁLOGO - AXENDA DE ACTIVIDADES - BLOG

 

 

Que é?

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

Con esta programación, a Xunta de Galicia pretende contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir.

Ler conta moito ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente. O desenvolvemento destas actividades de dinamización no ámbito da biblioteca reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que as bibliotecas proporcionan.

subir

Que se pretende?

Ler conta moito ten como obxectivo xeral animar á lectura a través do desenvolvemento de accións atractivas vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento a ese mundo completo que poden atopar nos espazos bibliotecarios, tanto a través dos libros coma a través dos materiais audiovisuais e informativos que conforman os fondos das bibliotecas.

Con esta programación preténdese:

  • Fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación, a través dun achegamento á biblioteca que esperte o interese polo que esta pode ofrecer.
  • Fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.
  • Consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.
  • Promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo.
  • Valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.

subir

Quen o promove?

Ler conta moito é un programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Xunta de Galicia), que financia o 75% dos custos das actividades programadas. As entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa cofinancian o 25% restante destes custos.

subir

Como se desenvolve?

Desde a Secretaría Xeral de Cultura ábrese unha convocatoria pública para acoller a proposta de actividades de dinamización da lectura de profesionais ou colectivos con experiencia neste ámbito que desexen participar no programa. Os interesados en ofrecer as súas propostas deben enviar unha descrición detallada destas, de acordo coas características esixidas na convocatoria.

A partir do banco de propostas, constrúese o catálogo de actividades para 2014 do programa Ler conta moito cunha selección das actividades consideradas máis axeitadas para os obxectivos e requirimentos do programa.

Todas as bibliotecas públicas integrantes da Rede de Bibliotecas de Galicia que desexen desenvolver actividades de fomento da lectura poden acollerse a este programa, no que cofinanciarán o 25% do custo de cada actividade.

As convocatorias e as bases para participar publícanse no portal da Rede de Bibliotecas de Galicia www.rbgalicia.xunta.es, ademais de se dar a coñecer a través dos medios de comunicación.

O calendario de actividades actualízase permanentemente no web da Rede de Bibliotecas de Galicia, no web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e no propio blog do programa Ler conta moito, na procura da maior difusión entre a cidadanía. O acceso ás actividades é aberto e gratuíto para os participantes nas actividades, malia que algunhas delas requiren inscrición previa, por motivos de organización.

subir

Contacto

Para máis información escribe ao noso enderezo: lercontamoito@xunta.es

subir